Final e inicio

Agosto 3rd, 2011

Este blogue creouse como parte do proxecto do meu TFM. O máster rematou hai case tres semaniñas, polo que este blogue chegou á súa fin, cumprindo, por outra banda, o seu fin correctamente. Estamos por tanto asistindo a un final, mellor dito, a moitos finais. Estamos no final dun tempo, dun período no que aprendín moito, en moitos aspectos, e vivín cousas que chegaron a min, como a profesión de editor. Estamos nun final, pero cada final é un inicio, porque cada porta que se pecha son portas novas que se abren. O final non comeza hoxe, como diría Sabina, senón que hoxe comeza algo novo neste blogue (quizais abandono?, quizais nova temática?, quen sabe!). E a ver que novo vento se me cruza agora…!

Final feliz

Xullo 22nd, 2011

«Cando saia, será xa de noite e terase que ir para a cama sen vela e sen poder explicarlle o que ocorreu. Despois de cear dira que quere ir ao circo, pero o pai non lle deixará. Entón irá para a cama e pensará que os vellos non o entenden. Tardará en durmir, pero durmirá, ou quizais non. Mañá, ao se erguer, estará triste, máis triste que ninguén. E que será de Anne? Non a volverá ver. Nunca máis? Nunca. O rapaz ergueuse moi cedo e marchou correndo ao campo da feira. No sitio do circo só quedaba un redondel.»

Os finais non sempre teñen que ser tristes. Os finais tristes non son bonitos. Como poderían volver verse os protagonistas desta historia? Volverá o circo ao ano seguinte ou veranse dentro duns anos por casualidade na emigración? Ese primeiro amor será o definitivo? Crea o teu propio final feliz!

 

Que é o que nos traerá nos seus arquivos?

Sobre a capoeira

Xullo 20th, 2011

Ademais de ser o lugar onde se gardan e se crían aves de curral, a capoeira é unha expresión cultural brasileña, de orixe africana, que combina elementos das artes marciais, música, deporte e expresión corporal.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/DdZXp0Tq6Jk" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Un paseo polo pracer

Xullo 17th, 2011

A lectura é unha fonte de coñecemento, ademais dunha fonte de pracer. Para achegarse máis a ela sempre é bo botar man doutros materiais que poidan completala, como se pretende facer mediante este blog. As estratexias de animación previas á lectura ou as estratexias creativas posteriores á lectura poden axudar a fomentar a inquietude pola lectura e facer que o paseo por ela sexa aínda máis interesante e entretido. Neste senso, será de grande axuda a guía didáctica que se pode descargar aquí. A lectura é un pracer, pero moitas veces hailles que axudar aos rapaces a chegar a el.

Vento ferido, Carlos Casares

Xullo 12th, 2011

Estás intrigado por estas historias? Queres saber máis?

Por que segue Mónica esperando no banco? Que pasa con Anne, a rapaza do circo? Quen vai aparecer pola esquina?

Descubre todo o que a  Biblioteca Xuvenil da Cultura Galega ten preparado para ti.

 

Aparecerá pola esquina

Xullo 12th, 2011

Pasou toda a mañá dando voltas polas rúas, sen rumbo, sentindo unha pequena opresión no peito, ata que lle empezaron a pesar as pernas coma se llas encheran de pedras por dentro. Meteuse nun bar e sentou a tomar café. Mira o reloxo dúas ou tres veces e acaba por adiantalo vinte minutos. Sabe que é un engano, pero adiántao. Fronte del ve un gran cartel de cine. Espeta os ollos nas figuras: unha parella que se bica. Cada rapaz que pasa por diante da terraza é un odio que se lle mete no corazón. A cidade enteira é xa, dentro del, unha quente escuridade.

 

Xohana Torres

Xullo 12th, 2011

Verán,

¡como me gustaría repetir

aqueles sábados cheos de rosas!

Todo ese aire efémero:

Os avisos noitébregos,

a marcha dos vapores…

 

¡Que soe, que soe,

aquela lindísima canción

e alguén siga de pé,

impaciente, na orela!

 

Era un porto de mar,

ardía o aire nunha rúa estreita;

corría algo de bris;

revoaba un xornal

e alguén que berra dende unha xanela.

 

¡Ouh, agosto, invulnerable, enteiro,

constelacións ao sol,

a clemencia da vida!

 

¡Estación de ir e vir

coma na ponla dos paxaros!

 

Recorrín tantas rías,

os raros viaxeiros,

os grandes trasatlánticos.

 

E sempre aquel propósito,

unidade da mensaxe, ”Adeus”,

”Cóidate moito” ”Escribe”.

 

(Afán de non saír,

de non voltar endexamais ao mar,

e doe todo,

mentres nacía a cada instante un ceo)

 

…………………….

 

As palabras perdéronse no vento.

Estamos rodeados de mármore en anacos

e da memoria á cinza, unicamente un paso.

Xa non se pode repetir a historia

porque eu mire un ronsel

e pense no amor que rematou un día.

 

Hoxe tranquilamente

meto as mans nos bolsillos

e declárome triste

somentes porque chove.

Xohana Torres, Estacións ao mar

O outro verán

Xullo 12th, 2011

Mónica sentou nun banco de pedra e segue ali, pensativa, coa melena por diante dos ollos, triste e un pouco cansa. De cando en cando mira a xente que baila, mira atentamente, pero logo métese de novo en si, esquecida de todo, case ausente. As parellas bailan, xiran, móvense lentamente, enfeitizadas co ritmo da orquestra, que toca e toca sen descanso, dona do ambiente e dos corpos danzantes. Ela mira entre todos, unha vez máis. Non ha tardar moito temp en decatarse de que alí non atopará nada, pero aínda lle queda unha pequena esperanza.

Sedia-m’ eu na ermida de San Simón

e cercaron-mi-as ondas que grandes son.

Eu atendend´o meu amigu’! E verrá?

 
Estando na ermida, ant’ o altar,

cercaron-mi-as ondas grandes do mar.

Eu atenden[d´o meu amigu’! E verrá?]

 

E cercaron-mi-as ondas que grandes son:

non ei [i] barqueiro nen remador.

Eu [atendend´o meu amigu’! E verrá?]


E cercaron-mi-as ondas do alto mar:

non ei [i] barqueiro ne sei remar.

Eu aten[dend´o meu amigu’! E verrá?]


Non ei i barqueiro nen remador:

morrerei “eu”, fremosa, no mar maior.

Eu aten[dend´o meu amigu’! E verrá?]


Non ei [i] barqueiro nen sei remar:

morrerei eu, fremosa no alto mar.

Eu [atendend´o meu amigu’! E verrá?]

Meendiño

 

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/IU0UShOzqms" width="425" height="350" wmode="transparent" /]